A Territorial Noroeste do BBVA concéntrase mañá na Coruña ante as incertezas laborais que poden afectar a 4000 traballadores
Maio 7, 2008 at 8:51 am Deixar un comentario
Segundo Comfia-CC OO, a implantación de dous proxectos da entidade financeira fan que o persoal teña desconfianza, entre outros, en temas como o salario, a falta de formación ou os traslados
A Federación de Servizos Financeiros e Administrativos de Comisións Obreiras (Comfia-CC OO) anuncia que mañá xoves, 8 de maio, das 11 ás 12:30 horas, haberá na Coruña unha concentración de delegados do BBVA de Galicia, Asturias e Castela e León —comunidades autónomas que forman a Territorial Noroeste do banco—. Terá lugar na porta da oficina principal da entidade financeira na cidade herculina —zona do Cantón Pequeno—.
Desde Comfia-CC OO explican que o motivo da concentración é a implantación por parte do BBVA de dous proxectos —’Velázquez’ e ‘Clima’, enmarcados no Plan de Innovación e Transformación que está a realizar a entidade financeira— que están suscitando entre o persoal incerteza e desconfianza respecto de numerosos asuntos. Entre as materias que preocupan a case 4000 traballadores e traballadoras —1600 deles en Galicia— están o salario, a supresión de complementos, a falta de formación, os traslados e os cambios de posto, así como a posibilidade que se externalicen ou subcontraten servizos.
Durante a concentración, os sindicatos convocadores faranlle chegar ao responsable de recursos humanos do banco unha carta para lle transmitir a súa preocupación e a dos traballadores da entidade. Tamén reclamarán o establecemento dunha negociación que consideran «imprescindible» para que os cambios do plan de innovación poidan contar coa máxima participación e garantías para os traballadores do BBVA.
Entrada arquivada en: mobilizacións. Etiquetas: A Coruña, BBVA, concentración.
Trackback this post | Subscribirme aos comentarios mediante feed RSS