CCOO apoia o acordo para a mellora do emprego e da promoción profesional na Xunta de Galicia
Abril 11, 2008 at 8:58 am Deixar un comentario
O pasado 10 de abril tivo lugar unha nova xuntanza da mesa xeral dos empregados públicos, na que se chegou a un preacordo entre Función Pública e as organizacións sindicais representativas, que prevé unha oferta pública de emprego (OPE) especial para 2008 na que se van convocar máis de 1.1998 prazas de persoal funcionario (468 para promoción interna) e máis de 1.800 para o laboral (das que unhas 540 serán para promoción interna).
Para Comisións Obreiras (CCOO), o preacordo —pendente da sinatura definitiva— significa cumprir o obxectivo de pór en marcha a redución da temporalidade e mellorar a promoción profesional na Función Pública galega, así como facelo cun amplo consenso sindical, que será «o garante do éxito da súa materialización».
Por parte de CCOO, a negociación procurou favorecer a estabilidade do persoal funcionario interino e do persoal laboral temporal, interpretando «en sentido amplo e positivo» as disposicións normativas recollidas na reforma da Lei da Función Pública de Galicia e do IV Convenio Único para o persoal da Xunta.
O sindicato tamén procurou mellorar a promoción profesional dos funcionarios de carreira e do persoal laboral fixo, un plan de promoción profesional que, entre outras cuestións, permita para o persoal funcionario a promoción por reclasificación do posto e por consolidación do grao. Tamén buscou establecer a promoción horizontal por concurso, mellorar a promoción vertical, e prever un proceso de funcionarización para o persoal laboral. En calquera caso, CCOO pretende que a taxa de eventualidade da Xunta non volva acadar porcentaxes «inxustificadas».
Alegacións de CCOO
CCOO considera que o preacordo recolle as «alegacións fundamentais» que formulou o sindicato, agás a da opción de recolocación en praza vacante, «que a Administración non aceptou co argumento de que esixía unha modificación normativa. Seguiremos insistindo nunha interpretación positiva da normativa vixente para que esta opción voluntaria sexa factible co fin de que, na medida do posible, non haxa prexudicados innecesariamente», indican.
Igualmente, CCOO lamenta que a «irresponsabilidade sindical da CSIF», que se desmarcou do acordo «por razóns alleas ao contido», poida poñelo en perigo, «como xa pasou cando xunto coa CIG xudicializou o proceso de consolidación de emprego do ano 1998» e que «aínda mantén, a día hoxe, a 68 traballadores/as nunha inseguridade laboral inxusta, que agardamos non suceda neste caso», explican desde o sindicato.
Entrada arquivada en: convenios e acordos. Etiquetas: área pública, Xunta de Galicia.
Trackback this post | Subscribirme aos comentarios mediante feed RSS